Victoria Kent
VICTORIA KENT
Victoria Kent Siano, nada en Málaga o 6 de marzo de 1891 e finada en Nova York o 25 de setembro 1987, foi unha avogada e política. En 1920 ingresa na Facultade de Dereito da Universidade Central (actual Universidade Complutense de Madrid), onde cursa a carreira como alumna non oficial ata a súa licenciatura en xuño de 1924. Foi a primeira muller española que interveu como avogado nos tribunais. Foi socia fundadora e vicepresidenta do "Lyceum Club", creado en Madrid en 1926 para debater libremente tódolos problemas da condición feminina.
Fíxose famosa en 1930 defendendo perante o Tribunal Supremo de Guerra e Mariña a Álvaro de Albornoz, membro do Comité Revolucionario Republicano, detido e procesado xunto cos que despois formaron o Goberno provisional da República, a raíz da Sublevación de Jaca de decembro de 1930, co que foi a primeira muller no mundo en intervir diante dun consello de guerra, conseguindo a absolución do seu defendido.
O seu mandato á fronte das prisións españolas foi moi significativo. Continuou co labor emprendido o século anterior pola súa precursora Concepción Arenal. Dedicouse intensamente á reforma das prisións españolas, baixo o criterio de que as sociedades estaban obrigadas a recuperar o delincuente como persoa activa, e que as prisións son o instrumento para iso.
Durante a Guerra Civil española fíxose cargo da creación de refuxios para nenos e das garderías infantís. O goberno da República enviouna a Francia como Primeira Secretaria da embaixada republicana en París, para que se encargase das evacuacións dos nenos. En 1948 marchou a México, onde deu clases de Dereito Penal na Universidade, fundando a Escola de Capacitación para o persoal de prisións, da que foi directora durante dous anos.
Fonte da imaxe: https://www.muyhistoria.es/contemporanea/articulo/victoria-kent-la-primera-en-ponerse-la-toga-921496062549
Comentarios
Publicar un comentario
O teu comentario está a ser moderado. Grazas pola túa achega.